Thursday 25 de April de 2024

Augas de Galicia analizará a posibilidade de completar a rede de abastecemento en Vilasantar


A conselleira de Medio Ambiente mantivo unha reunión co alcalde de Vilasantar ao que lle trasladou o compromiso de estudar a capacidade de levar a rede de distribución municipal ás parroquias carentes deste servizo
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, indicoulle ao alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez Fernández, que Augas de Galicia analizará a posibilidade de completar a rede de abastecemento no municipio.

A conselleira mantivo unha reunión no seu despacho co rexedor municipal para analizar -xunto co director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez- as necesidades deste concello da provincia da Coruña.

O rexedor indicou que é necesario levar a rede de distribución municipal a varias parroquias, para completar o servizo de abastecemento. A conselleira solicitoulle o traslado dunha memoria valorada sobre a actuación necesaria, co fin de que Augas de Galicia poida analizala e determinar a colaboración posible.

Outro dos puntos abordados na reunión foi a creación dunha área recreativa nunha parcela do concello. A conselleira comprometeuse a analizar as posibilidades de colaboración nesta actuación, que vai no camiño dos obxectivos do Plan hUrbe, posto en marcha polo Goberno galego, para fomentar a humanización das vilas, favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial en Galicia.